A loita contra as adiccións sen substancia constitúe un dos grandes desafíos da sociedade actual, non só a nivel educativo e sanitario, senón a nivel vital. Nos últimos anos a sociedade tentou ir adaptándose ao universo de oportunidades que o vertixinoso e tentador desenvolvemento tecnolóxico puxo ao noso alcance. Dotar tecnolóxicamente aos centros educativos e integrar a tecnoloxía na actividade docente supuxo un reto no que, en maior ou menor medida, fomos capaces de avanzar, pero integrar a tecnoloxía na vida cotiá de nenas e nenos é un obxectivo que está lonxe ainda de acadarse. Nin sequera os adultos somos alleos a esta nova dificultade. Máis ben o uso das TRIC (Tecnoloxías das Relacións, a Información e a Comunicación), adoita traer consigo serios problemas a nivel emocional e de convivencia, especialmente nun período vital tan crítico como é a adolescencia. Tal e como veñen advertindo organismos como a OMS, a UNESCO ou mesmo UNICEF, o uso intensivo e sen supervisión das redes sociais ou dos videoxogos pode derivar en maiores taxas de ansiedade e depresión, hábitos de vida menos saudables, un aumento das taxas de acoso escolar e de ciberacoso, ou mesmo de violencia filioparental. Desgraciadamente a evidencia científica non leva a que sexamos neutrais. O uso da tecnoloxía non é inocuo na infancia e moito menos na adolescencia. Cando implica novos patróns de interacción e novas formas de relacionarse (a miudo tóxicas e superficiais), novos modelos aspiracionais e novas formas de entender a vida, pode chegar a converterse nun problema, xa de saúde pública. A tiranía do selfie e o imperio de Instagram, o boom dos gamers, youtubers e influencers amósanos unha nova xeración de mozas e mozos sorpresivamente menos felices, con máis dificultades para relacionarse, para aceptarse a sí mesmas ou para adquirir valores e competencias básicas no seu desenvolvemento como persoas. A sociedade está mudando e as familias tamén, rápido e non sempre na dirección axeitada. Adquirir conciencia crítica e tomar partido é unha tarefa obrigada. Afastado por igual de alarmismos e “buenismos”, no obradorio do vindeiro martes 28 de novembro o profesor Antonio Rial Boubeta (da Universidade de Santiago) exporá datos reveladores a este respecto e convidaranos a reflexionar como comunidade.
Da man de Antonio Rial Boubeta, abordaremos esta temática nun obradoiro para familias o vindeiro 28 de novembro de 17:30 a 19:30h. Enviarase unha circular para confirmar a asistencia con anterioridade.
Antonio Rial Boubeta é doutor en Psicoloxía Social e Profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Autor de mais de 140 artigos en revistas científicas de impacto internacional e director de 21 teses de doutoramento. Conta con máis de 250 contribucións científicas en congresos e symposiums internacionais, ponencias, cursos e conferencias. Foi responsable de numerosos proxectos de investigación do eido da mocidade, dende o Uso problemático de Internet, as redes sociais o ciberbullying, ao consumo de alcohol e sustancias. É coautor do libro “Adolescentes y Nuevas Tecnologías: una responsabilidad compartida”, así como do libro “Entre selfies y whatsapps. Oportunidades y riesgos para la infancia y la adolescencia conectada”, elaborado xunto a expertos europeos do proxecto EU Kids Online. Acaba de publicar tamén, cos profesores José Ramón Agustina e Manuel Isorna, o monográfico “Sumisión química y uso de sustancias psicoactivas en las agresiones sexuales”. É o encargado de elaborar o material docente do curso de formación que actualmente ten o Consejo General de la Psicología de España, sobre o Uso Problemático de Internet na adolescencia; docente no curso sobre Detección e Intervención Precoz en Adiccións con e sen Substancia en Adolescentes, organizado polo Ministerio de Sanidade; no curso de Adiccións Tecnolóxicas, da Consellería de Sanidade, no que cada ano se forman en Galicia psiquiatras, pediatras e psicólogos; no Curso de Prevención, Detección e Tratamento do Acoso Escolar e o Ciberacoso, da Consellería de Educación, para o profesorado e orientadores; así como de diferentes cursos que se imparten na Academia Galega de Seguridade Pública, para as Forzas e Corpos de Seguridade e profesionais do Plan Director. É membro do Alto Comisionado da UNESCO para a loita contra o acoso escolar e o ciberacoso. Dirixíu o Estudio sobre el impacto de la Tecnología en la adolescencia, levado a cabo por UNICEF-España cunha mostra de máis de 50.000 estudantes de secundaria, que é a día de hoxe un dos traballos científicos de maior envergadura feitos en Europa sobre o tema. O curso pasado dirixíu tamién o estudio Adolescencia, Tecnoloxía, Saúde e Convivencia, da man da Fundación Barrié, na que participaron 10.000 adolescentes galegos. Conta con 25 anos de docencia na Universidade de Santiago, nos grados de Psicoloxía e de Criminoloxía, así como de postgrado, máster e doutoramento, sendo cada ano un dos docentes mellor valorados polo propio alumnado. Ten publicado os seus traballos nalgunhas das mellores revistas internacionais do eido da adolescencia, a saúde mental e as adiccións, como Psychiatry Research, Addictive Behaviors, Journal of Gambling Studies, Computers in Human Behavior, Cyberpsyhology, Frontiers in Psychology, Psychosocial Intervention ou Children and Youth Services Review, sendo revisor habitual de moitas delas. É avaliador de proxectos da Agencia Nacional de Evaluación y Prospectiva (do Ministerio de Educación y Ciencia) e do Plan Nacional sobre Drogas. Colabora dende fai anos con centros de investigación de referencia a nivel mundial como o Center for Adolescent Behavioral Health Research (da Universidade de Harvard), o Cognitive and Affective Regulation Laboratory (da Universidad de Lausanne) ou o DCU Anti-Bullying Centre (de Irlanda). É tamén colaborador habitual de diferentes medios de comunicación, tanto prensa, como radio e TV. O ano pasado foi galardoado coa Nécora de Ouro pola Fundación Galega contra o Narcotráfico (polo seu labor na prevención das adiccións na mocidade) e este ano co Premio Iacobus da Educación. Acaba tamén de ser distinguido como o Colexiado do Ano, polo Colexio Oficial da Psicoloxía de Galicia.