O alumnado de 1º ESO quere presentarvos a campaña «MOBÍLIZATE POLA SELVA«, unha iniciativa que forma parte do proxecto “Minerais de Conflito”, desenvolvido dende a materia de Bioloxía e Xeoloxía. O noso obxectivo con esta campaña é reunir móbiles en desuso para envialos a unha empresa especializada en reciclaxe. Parte dos beneficios obtidos serán destinados ao Instituto Jane Goodall (IJG).
O Instituto Jane Goodall realiza un labor excepcional tanto a nivel social como medioambiental en todo o mundo. No Congo, en particular, onde os graves conflitos están directamente relacionados co enorme consumismo da nosa sociedade. Guerras polo coltán, casiterita e outros minerais presentes en dispositivos electrónicos (móbiles, ordenadores, consolas, etc.) contribúen á explotación infantil en minas ilegais. Esta explotación provoca a destrución dos hábitats de especies en perigo como os chimpancés e gorilas, que se enfrontan á caza furtiva e á deforestación.
Uníndonos a «MOBÍLIZATE POLA SELVA», non só contribuímos ao coidado do noso planeta mediante o reciclaxe responsable, senón tamén á mellora das condicións de vida noutros lugares do mundo. Axúdanos a protexer as nosas especies en perigo e a construír un futuro máis sostible e xusto para todos. Xuntos, podemos facer a diferenza. Mobilízate pola selva, mobilízate polo noso planeta.
Como podedes colaborar coa Campaña?
Aportando un ou máis teléfonos móbiles en desuso, en funcionamento ou non, con batería pero sen cargador, nin tarxeta SIM nin outro accesorio, e eliminando os datos persoais.
Onde e cando?
No hall do colexio haberá unha caixa para que o alumnado poida depositar os teléfonos móbiles. A campaña comezou esta semana, coincidindo coa celebración da Semana da Ciencia pero seguirá durante todo o curso.
Cal é o noso obxectivo?
Conseguir 30 móbiles ou máis, xa que ao conseguilo o Instituto Jane Goodall agasállanos co apadriñamento dun chimpancé durante un ano.
Para máis información: http://www.movilizateporlaselva.org/es/
ANIMÁDEVOS A COLABORAR!!