A ameaza das velutinas” foi o proxecto de Aprendizaxe-Servizo (APS) que desenvolveu o alumnado de 1º da ESO na materia de Bioloxía ao longo do terceiro trimestre.
Durante o proxecto, investigaron as vespas autóctonas galegas, como a Vespa crabro, e aprenderon a diferencialas da vespa velutina, unha especie invasora que leva anos afectando á biodiversidade e á apicultura en Galicia.
Ademais, estudaron a chegada recente da vespa soror, unha nova especie asiática detectada en Asturias, moi semellante á velutina, pero máis agresiva e de maior tamaño. Coñeceron as súas características e o potencial impacto que podería ter nos ecosistemas locais.
Como parte práctica, aprenderon a elaborar trampas caseiras para velutinas, investigando cales son as mesturas máis eficaces para atraer velutinas sen prexudicar outras especies.
O produto final foi a fabricación e colocación de trampas no recinto do colexio, como acción directa para contribuír á loita contra esta ameaza ambiental.
Un proxecto no que o alumnado non só aprendeu ciencia, senón que tamén contribuíu activamente á protección da súa contorna. 🌍